Pedras é un proxecto creativo e cultural

Centrado na creación de escultura en papel e na formación sobre esta e outras técnicas artesanais co fin de preservar e actualizar unha parte importante do noso patrimonio cultural intanxible: os coñecementos artesanais.

o taller

O papel e máis eu: un amor a primeira vista

Hai moitos anos descubrín dun xeito casual as posibilidades plásticas do papel e comecei a experimentar combinando este con outros materiais na procura do meu propio linguaxe e imaxinario. Durante anos conciliei esta experimentación co meu traballo en patrimonio cultural, ámbito no que me formei e traballei durante grande parte da miña traxectoria laboral. Mais na práctica profesional no eido do patrimonio faltaba algo: a creatividade.
Así foi como naceu Pedras de papel, un proxecto que busca actualizar a nosa herdanza cultural dun xeito creativo. Un obradoiro artesán onde facemos Artesanía e algo máis. Inscrito no Rexistro de Obradoiros Artesáns da Xunta de Galicia desde 2017.

técnica

Sostible, accesible e tradicional

Aínda que o papel e o cartón son considerados en moitas ocasións como os materiais pobres da escultura, a súa versatilidade, accesibilidade e sostibilidade permítenos elaborar pezas lixeiras, duradeiras e de grande expresividade.

Mil e un xeitos de traballar o papel

Existen diferentes técnicas para modelar o papel: pregalo e recortalo ou se trenzalo como se faría cun cesto ou un tecido. Tamén se pode endurecer con engrudo e estuco, o que chamamos cartón pedra, ou machucar para obter unha pasta semellante ao barro, o papel maché.
Principalmente emprego estás dúas últimas técnicas para elaborar as miñas pezas realizando unha lectura contemporánea das mesmas, mesturando o papel con outros materiais, como o aramio, o vimbio ou a madeira, para crear diferentes texturas ou aplicando esta técnica a outros ámbitos que non son os habituais.

Estes procesos de traballo son moi laboriosos e longos e hoxe en día existen outros materiais que poderían substituír estas técnicas. Mais eu continúo traballando con elas porque son:

Sostibles

Son técnicas sostibles xa que traballo con papeis reciclados e os procesos son de moi baixa toxicidade tanto no modelado como no acabado.

Accesibles

Son accesibles, tanto nos materiais que emprega como na infraestrutura que precisa. Son técnicas aptas para todo tipo de público.​

Tradicionais

Estamos a falar dunhas técnicas tradicionais, uns saberes que forman parte do noso patrimonio inmaterial e é a nosa obriga conservalos.