Peito de lobo

Hoxe preséntovos un encargo para á asociación Ondiñas Mainas, de Rianxo.

Trátase dunha escultura baseada no conto de Castelao “Peito de Lobo”, recollido en Retrincos. No relato conta que, sendo mozo, construíu un cabezudo de cartón pedra para as festas de Rianxo inspirado nun veciño da vila e fíxoa boa…

“Aínda eu era estudante cando se criou no meu maxín a idea de facer un cabezudo, e, como na mocedade todo semella ledo e facedeiro, busquei o tipo máis laído da vila para que tódolos veciños escachasen de risa, sen facerme cargo da miña falla de caridade.

Traballei de firme para remata-la obra, que xa era sonada polo meu creto de mañoso, e xa figuraba en letras de molde no programa de festas.

E chegou o día. Na praza non collía unha agulla. No adro da eirexa un rapaz toco portaba un feixe de foguetes debaixo do brazo, e o fogueteiro soplaba na mecha, agardando a primeira badalada das doce.

De súpeto tanxeron os sinos, estalaron os foguetes e unha «ben afinada banda» rompeu a tocar. A cousa xa non tiña remedio. Saíu o meu cabezudo e no mesmo intre a xente escachou a rir, como facía nas comedias dos titiriteiros.

– É Peito de Lobo! É Peito de Lobo!

I entón nun curruncho da praza xurdiron chíos firentes de mulleres que non daban atafegado un orneo que chegou a min coma un tremer de terra. Era Peito de Lobo que quería esnaquizarnos: ó cabezudo e mais a min.”

A peza formará parte da exposición “Artesa-Sanía” organizada polo colectivo Ondiñas Mainas no Auditorio de Rianxo entre o 21 de agosto ata o 18 de setembro de 2020.

Preme aquí para ler o texto completo e aquí para ver outras pezas da Colección Ailalelo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.