Novo curso de escultura de grande formato en cartón pedra

Un ano máis o Concello de Rianxo organiza un curso de escultura en cartón pedra para elaborar de forma colaborativa pezas de grande formato para a Cabalgata de Reis. Como novidade nesta edición non só traballarás nas pezas de grande tamaño senón que crearás e levarás para casa a túa propia peza de pequeno formato. Aprenderás todo o proceso de principio a fin para crear unha escultura de bulto redondo con papel, un material moi próximo, económico e ecolóxico: deseñar a peza, crear o armazón, cubrilo de papel ou pasta de papel, estucalo e darlle o acabado que elixas.

O obradoiro é de balde e está aberto a todos os públicos, sendo necesaria a compañía dun adulto para menores de 12 anos. Non é preciso ter coñecementos previos nin aportar material; só necesitas ganas de crear e pasalo ben.

O curso terá lugar os sábados pola tarde no Pazo de Rianxiño, os días 15 e 22 de outubro, 5, 12, 19 e 26 de novembro e 10 de decembro. As prazas son limitadas polo que é preciso a inscrición previa na páxina do concello.

Obradoiro inscrito no programa de Aulas Socioculturais e Ocio Educativo do Concello de Rianxo.