Desde o invento do papel atopamos obxectos creados con este material e engrudo para endurecelo: desde xoguetes e bonecos ata mobles e decorados.
Existen diferentes técnicas para modelar o cartón. Polo xeral a que máis utilizo é a coñecida como cartón pedra ou cartapesta: a superposición de anacos de papel sobre estrutura de aramio, vimbio, cartón ou sobre un molde, que despois se recubre con estuco. En ocasións tamén emprego o papel maché ou papel machucado reciclando os restos do cartón ata conseguir unha pasta de papel que modelo coma se fose barro.
Os procesos de traballo son moi longos e hoxe en día existen moitos outros materiais que poderían substituír o cartón pedra, mais eu aposto por esta técnica tradicional e facendo unha lectura máis contemporánea mesturando o papel on outros materiais para crear diferentes texturas ou aplicando esta técnica a outros ámbitos que no son os habituais para este material.
Un dos motivos que me levan a seguir traballando co cartón pedra é a súa sostenibilidade. O cartón pedra é un material ecolóxico ou de moi baixa toxicidade polo que podemos dicir que a súa elaboración é un proceso limpo tanto na produción como nos residuos que xera.
Non menos importante para min é o feito de que ao ser procesos accesibles, que precisan de pouca infraestrutura inicial, son de fácil transmisión. Entendo a artesanía non só como os produtos que elaboramos, se non como uns coñecementos que se foron conformando ao longo do tempo. Eses saberes forman parte do noso patrimonio inmaterial e é importante a súa conservación e difusión. Por iso adico gran parte do meu tempo a formación.